O Doutor García Cota, xefe dos servizos médicos do RC Celta, compareceu esta mañá na sala de prensa da Madroa para valorar a situación das lesións de Nolito e Fontàs.
O galeno celeste explicou que, aínda que a evolución de Nolito era e é moi boa, observou que o xogador mantiña “unha lixeira molestia no golpeo”, posible síntoma dunha cicatriz que, de non tomar precaucións, podería derivar nunha recaída.
Ante esta situación o Dr. Cota decidiu diminuír a intensidade dos seus adestramentos e atrasar a súa alta médica: “Está a realizar moi bos adestramentos, pero decidimos que ata que non desapareza a molestia limitarase o traballo de golpeo”, asegurou o doutor, quen adiantou que se segue a boa evolución podería empezar a adestrar con normalidade co grupo nos próximos días.
No referente a Fontàs, García Cota informou que o defensor sufriu hai uns días unha recaída na dor do tendón que fai valorar a posibilidade de acudir ao quirófano: “O tipo de cirurxía que necesita non é complexa, nin moito menos, pero antes de tomar esa decisión gustaríame ter a seguridade de que non hai ningunha outra opción. Por iso imos consultar cunha profesional externa de Suecia, especialista no tratamento de tendóns”, explicou Cota.