Claudio Beauvue, segundo reforzo invernal do Celta, presentouse esta tarde en Balaídos acompañado do vicepresidente Pedro Posada e do director deportivo Miguel Torrecilla. Beauvue asegurou que leva seguindo ao club vigués desde hai tempo e que a súa adaptación ao xogo do equipo será moi rápida: “A miña visión do fútbol correspóndese coa do Celta”.
Tras a benvida de Pedro Posada, quen declarou que a contratación do atacante é “unha satisfacción”, Miguel Torrecilla destacou o seu “poderoso xogo aéreo” e asegurou que será un xogador que “achegará goles e asistencias”. Pola súa banda Beauvue mostrouse moi feliz e ilusionado pola súa fichaxe: “Vou dar todo o que teño por este equipo”.
O futbolista, que levará o dorsal 12, adestrou esta mañá por primeira vez cos seus compañeiros.