O RC Celta Infantil B enfrontarase este nadal aos mellores equipos da súa categoría no torneo LaLiga Promises que organiza a Fundación “El Larguero” e a liga de fútbol profesional. “É o torneo de maior repercusión social en categorías inferiores” asegura Álex Otero, adestrador do equipo que recibiu a invitación para este torneo tras culminar o pasado ano unha brillante tempada, obtendo entre outros o primeiro posto na súa liga, o campionato galego, o mundialito de Algarve e o torneo do Álamo.
A XX Edición do torneo internacional LaLiga promises terá lugar entre os días 27 e 29 de decembro no Ramson Everglades School de Miami (Florida, Estados Unidos) e contará con sete equipos españois; xunto ao Celta, Real Madrid, Atlético, Sevilla, Barcelona, Vilarreal e Valencia.
A estes súmanse os europeos Borussia Dortmund (Alemaña), Juventus (Italia) e Crystal Palace (Inglaterra); os asiáticos Aspire Academy (Catar) e Sagan Tosu (Xapón); e os americanos Chicago Fire, Orlando City e Weston FC (Estados Unidos), América (México) e Estudantes da Prata (Arxentina).
O Celta quedará encadrado no Grupo C, xunto a Atlético de Madrid, Juventus, Orlando City e Estudantes. Os dous mellores clasificados xogarán o día 28 os cuartos de final. Deste xeito, o Celta atoparase unha vez máis competindo coas mellores canteiras de España e algunhas das mellores do mundo, o que supón un referendo ao bo facer da Fundación Celta de Vigo así como dos seus técnicos e adestradores.