O central do RC Celta Andreu Fontás continúa avanzando na recuperación da súa lesión, tendinosis no talón de Aquiles, coa máis moderna tecnoloxía existente. O céltico está a realizar diversas sesións nunha cámara hiperbárica pertencente a CIVI, centro médico situado en O Castro, que acelera de maneira notable os tempos de recuperación. CIVI, Centro Hiperbárico de Vigo, dispón da maior cámara hiperbárica privada de España, con 14 prazas, ademais da resonancia aberta con maior resolución das existentes na cidade.
A mecánica das terapias desta cámara hiperbárica que está a utilizar Andreu Fontás para acelerar a súa recuperación baséase no principio médico que recoñece ao osíxeno como un elemento fundamental para a cicatrización das feridas e fracturas. As lesións traumáticas características do deportista producen danos nos tecidos e hinchazón, impedindo o fluxo normal de osíxeno na zona lesionada. Á súa vez, as áreas inchadas producen células que necesitan un alto nivel de osíxeno. Por tanto, os tecidos que se atopan lesionados demandan unha gran cantidade de osíxeno no momento menos indicado para obtelo.
Unha forma efectiva de aumentar sensiblemente o contido de osíxeno no sangue é disolver grandes cantidades do mesmo no plasma. Co corpo sometido a unha presión atmosférica maior do nivel normal, a cantidade de osíxeno disolto no plasma increméntase ata 23 veces, permitindo que os tecidos danados obteñan a cantidade adecuada e sanen rapidamente.
Ademais, a presión elevada de osíxeno reduce o fluxo sanguíneo nun 20 por cento, diminuíndo a presión sanguínea nos capilares e en consecuencia a inflamación. Igualmente a maior concentración de osíxeno axuda á eliminación do ácido láctico e con iso a fatiga.
O doutor Jesús Cordeiro, responsable de CIVI, destaca que esta cámara “úsase tanto para lesións deportivas como para enfermidades, neste caso a máis habituais son as lesións producidas pola radioterapia, as lesións das úlceras crónicas que non van ben con ningún método de curación e os problemas de moi mala circulación nas pernas”.
Precisa que “en lesións deportivas é efectiva tanto nas que afectan a ósos como a músculos ou ligamentos” e engade que “nas fracturas axuda a recortar o periodo de curación e en músculos e tendóns vai moi ben en situacións de roturas fibrilares e en todos os procesos nos que hai edema e inflamación reduce o periodo de recuperación polos efectos do osíxeno”.
CIVI dispón ademais da resonancia non claustrofóbica de maior resolución de Vigo. Esta resonancia magnética ten a particularidade de ser aceptada polos pacientes claustrofóbicos e nenos, sen necesidade de sedación. Mesmo para pacientes obesos que non se poden realizar o estudo nas resonancias convencionais. No ámbito deportivo, nalgúns tipos de lesión resulta máis cómoda para o paciente e mesmo para o estudo debido á posibilidade dun mellor posicionamento.