O dianteiro sueco, “agradecido e feliz” presentouse en Balaídos ante os medios e a afección celeste
John Guidetti presentouse esta mañá en Balaídos como novo xogador do RC Celta. O dianteiro sueco comezou a súa intervención cuns “bos días a todos” en español que arrincou os aplausos dunha bancada, ilusionada coa chegada do xogador. Guidetti mostrouse “moi agradecido e feliz” e asegurou que para el “é unha oportunidade incrible vir á liga española e a un equipo como o Celta que a tempada pasada fíxoo xenial”.
O nórdico estivo acompañado na súa presentación polo conselleiro Primitivo Ferro e o director deportivo Miguel Torrecilla. Ferro deu a benvida a Guidetti “en nome do club e de miles de celtistas que senten ao Celta como o mellor equipo do mundo”. Pola súa banda o director deportivo resaltou algunhas das calidades futbolísticas do atacante: “É un dianteiro moi completo, capaz de moverse dentro e fose da área con facilidade. Ten unha gran conexión cos seus compañeiros e unha pegada incrible de cara ao gol”, asegurou Torrecilla.
“Para facer crer á xente primeiro tes que crer en ti mesmo. Son un xogador que dá o 110% en cada partido”, declarou Guidetti. O internacional Sub-21 sueco destacou a súa visita a Vigo, previa a decidir fichar polo Celta, como unha das claves na súa contratación: “Cando vin coñecer Vigo atopeime unha xente marabillosa e unha gran cidade. Despois daquela viaxe tiven claro que quería vir ao Celta”.
Guidetti asegurou que está “a desexar aprender cun gran adestrador como Berizzo” e que considera “unha proba de lume xogar na liga española”. A prensa sueca que acudiu á presentación do xogador interesouse polas sensacións do futbolista nos seus primeiros días en Vigo e que lle gustou da cidade. Guidetti non dubidou en destacar “a comida, a xente, o clima… é un sitio onde definitivamente podería vivir moito tempo. Agora entendo por que tanta xente quere vir aquí”.
O ariete gozará duns días de vacacións e incorporarase á pretemporada celeste xa en Alemaña, onde o club ten varios partidos de pretemporada programados.