Sergio, Cabral e Krohn-Dehli, entre os mellores futbolistas de Primeira División
O bo xogo do Celta e os resultados positivos acadados nas últimas xornadas non pasaron desapercibidos para ninguén, tampouco para a LFP, que incluíu a Sergio, Cabral e Krohn-Dehli no seu ’11 Ideal da Liga BBVA’ do mes de Febreiro, un recoñecemento ás boas actuacións dos tres futbolistas celestes e ao traballo de todo o equipo.
O central arxentino Gustavo Cabral mostrouse “contento” pola noticia e quixo destacar que se trata dun mérito colectivo: “Grazas aos meus compañeiros eu podo facer ben o meu traballo. Estoulles agradecido a eles”. Na mesma liña falou o centrocampista Krohn-Dehli, que vive un dos seus mellores momentos desde que chegou a Vigo: “É un premio para todo o equipo e unha sinal de que se están facendo as cousas ben”. Sergio, mellor porteiro de Febreiro, reafirmou as palabras dos seus compañeiros: “Recuperamos as boas sensacións e iso é mérito de todo o equipo. É un recoñecemento para o plantel, o corpo técnico e o club”.
Na aliñación ideal deseñada polos redactores de www.lfp.es, web oficial da LFP, tan só a Valencia achega tantos xogadores como o Celta. Málaga, Real Madrid, FC Barcelona, Atlético de Madrid e Rayo son os outros clubs representados neste once.