O número de internacionais celestes podería ampliarse o venres coa lista da Sub-21 española
Os futbolistas do primeiro equipo Krohn-Dehli, Madinda, Pablo Hernández e Radoja foron chamados polos seus respectivos seleccionadores nacionais para participar en varios compromisos internacionais durante o mes de outubro. Desta forma, o catro xogadores célticos dan continuidade á súa presenza nos combinados de Dinamarca, Gabón, Chile e Serbia Sub-21.
Krohn-Dehli, habitual nas convocatorias da selección danesa, disputará dous encontros clasificatorios para a Eurocopa 2016, o primeiro deles o 11 de outubro ante Albania en Elbasan, unha das maiores cidades do país albano. Uns días despois, o 14 de outubro, Krohn-Dehli viaxará á capital do seu país natal para enfrontarse a Portugal. Tamén clasificatorios, pero para a Copa África 2015, serán os dous partidos para os que Levy Madinda foi chamado pola selección de Gabón. Os africanos mediranse en partido de ida e volta a Burkina Faso, o 11 de outubro en Gabón e o 15 no país rival.
Tras superar a súa lesión e debutar co RC Celta na liga española, Pablo “Tucu” Hernández regresa a unha convocatoria da selección chilena para participar en dous amigables, ante Perú e Bolivia, ambos a disputar en Chile o 10 e o 14 de outubro. Pola súa banda, o seleccionador de Serbia Sub-21 volveu a contar co centrocampsita celeste Nemanja Radoja, nesta ocasión para un importante choque ante España, clasificatorio para a Eurocopa 2015 da categoría. A ida da eliminatoria para estar na fase final xogarase o 10 de outubro en Serbia e a volta o 14 de outubro en Cádiz.
O serbio podería enfrontarse algúns dos seus compañeiros do RC Celta se Albert Celades, seleccionador español Sub-21, inclúe a xogadores célticos na lista que anunciará este venres, tal e como ocorreu na última convocatoria na que o club vigués achegou máis futbolistas que ningún outro equipo.
KROHN-DEHLI
Albania-Dinamarca (11/10/14) | Dinamarca-Portugal (14/10/14) – Clasificatorios Eurocopa 2016
MADINDA
Gabón-Burkina Faso (11/10/14) | Burkina Faso-Gabón (15/10/14) – Clasificatorios Copa África 2015
PABLO HERNÁNDEZ
Chile-Perú (10/10/14) | Chile-Bolivia (14/10/14) – Amistosos
RADOJA
Serbia- España (10/10/14) | España-Serbia (14/10/14) – Clasificatorio Eurocopa Sub-21 2015