Os servizos médicos da súa selección informaron ao club que presenta unha rotura fibrilar no aductor
Chegan malas noticias para o Real Club Celta desde Düsseldorf, onde un amigable reeditou onte a final do Mundial 2014 entre Alemaña e Arxentina. O centrocampista celeste Augusto Fernández sufriu unha lesión muscular, segundo informaron os servizos médicos da Selección Arxentina aos integrantes do corpo médico do club vigués. Augusto disputou a segunda metade completa, pero, segundo os galenos arxentinos, concluíu o choque ante Alemaña cunha rotura fibrilar no aductor esquerdo.
O alcance exacto da lesión do xogador e o tempo estimado de baixa serán fixados unha vez os servizos médicos do Real Club Celta examinen ao futbolista, que regresará a Vigo nas próximas horas, e reciban os informes médicos realizados polos galenos do combinado nacional ao arxentino.