Os canteiráns Jonny e Rubén e o central Sergi Gómez, na lista para dous partidos clasificatorios
O Real Club Celta é o gran protagonista da convocatoria da Selección Española Sub-21 para os partidos clasificatorios para o XX Campionato de Europa ante Hungría e Austria. Dous canteiráns celestes, con longo percorrido xa nas categorías inferiores nacionais, debutan co combinado Sub-21, Jonny e Rubén Blanco, e outro céltico regresa: o central Sergi Gómez. O club vigués é o que máis xogadores achega a esta selección, antesala da absoluta.
A primeira lista de convocados de Albert Celades como seleccionador Sub-21 colma de satisfacción e orgullo ao Real Club Celta e á súa afección. O club olìvico lidera con tres xogadores a achega a este combinado por diante de Fútbol Club Barcelona, Athletic Club, Liverpool e Sevilla, que dispoñen cada un de dous futbolistas na lista.
Jonny, Rubén Blanco e Sergi Gómez forman parte desta convocatoria. No caso dos dous canteiráns, supón un gran paso adiante, xa que se trata da súa primeira convocatoria coa Sub-21 tras o seu exitoso paso por diferentes categorías inferiores da selección. Sergi Gómez regresa a unha selección coa que xa disputou diversos encontros ao longo dos últimos meses.
Para Jonny Castro o salto á Sub-21 “é moi emocionante”, un sentimento compartido polo outro debutante na categoría, Rubén Bñanco: “sempre recibo con moita ilusión as convocatorias da selección. Entrar nunha lista da Sub-21 é un paso moi importante para min”. O gardameta galego non nega que soñou “con chegar algún día á absoluta”, pero é unha meta que considera “moi difícil de alcanzar polo gran nivel que hai”. Pola súa banda, Jonny considera que debutar coa Sub-21 “é un soño feito realidade”.
O lateral celeste mostrouse “orgulloso por poder representar na selección española á canteira do Celta”, cuxo potencial referenda Sergi Gómez: “Aquí hai moito talento. Os xogadores que estiveron connosco en pretemporada demostraron que teñen moita calidade e non dubido de que chegarán ao primeiro equipo”. O central catalán mostrouse “moi feliz e contento por min mesmo e polo debut de Jonny e Rubén” e calificou de “orgullo” o feito de que o club vigués sexa o que máis xogadores achega á convocatoria.
Esta Selección Sub-21 disputará dous partidos de clasificación para o Campionato de Europa da categoría, o primeiro o día 4 de setembro ante Hungría en Felcsut (16.00 horas) e o segundo o día 9 dese mesmo mes en Puertollano ante Austria (19.00 horas).