O partido servirá para inaugurar as meloras do campo de fútbol da localidade (venres 5, 20:30h)
ENTRADAS 10€
XA Á VENDA NA SEDE DO CD RIBADUMIA E EN OFICINAS ABANCA DO SALNÉS
O Real Club Celta disputará a próxima semana un partido amigable contra o Sporting Club de Braga no de fútbol de Ribadumia con motivo da inauguración das melloras realizadas nestas instalacións deportivas, que esta tempada serán de Terceira División tras o ascenso do Club Deportivo Ribadumia. Á presentación do encontro asistiron o conselleiro celeste Antonio Rosendo, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, o concelleiro de Deportes deste Concello, Jorge Abal e o presidente do club anfitrión, José Ramón Cores.
O partido entre o Real Club Celta e o S.C. de Braga disputarase o venres 5 de setembro ás 20.30 horas e os afeccionados poderán presenciar o encontro por tan só 10 euros.
“Para o RC Celta é unha gran satisfacción colaborar cos clubs galegos e coa proxección do fútbol da comunidade”, declarou Antonio Rosendo. O conselleiro desexou que o partido “sexa un gran espectáculo” e animou á afección a que acuda “a ver un moi bo partido” ante “un histórico como o Sporting Club de Braga”.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, agradeceu ao RC Celta o seu compromiso co deporte galego e a súa participación este evento, “que é posible grazas á xenerosidade do Celta e ao seu querer estar á beira dos clubs máis humildes”.
Louzán cualificou como “moi atractivo” este partido “no que estarán as principais figuras de cada un dos clubs baixo a dirección de Berizzo e Conceiçao”, ademais de destacar que no club vigués “están a facerse as cousas ben” e “creando expectativas moi positivas”.
A alcaldesa do Concello de Ribadumia, Salomé Peña, mostrou a súa satisfacción por poder ter “a dous equipos de primeira división xogando no noso campo”. A rexedora considera “un acontecemento histórico” o ascenso do Ribadumia e mostrou o seu desexo de que o amigable entre Celta e Braga sirva para “darlle ánimo e sorte ao club local”.
Pola súa banda, José Ramón Cores referendou as palabras da alcaldesa asegurando que esa é a aspiración do Ribadumia nesta tempada, un equipo “cun orzamento moi humilde”.