p>
O mandatario anunciou que a final da presente tempada a débeda quedará nuns 4 millóns
COMPARECENCIA COMPLETA EN CELTA TV
O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, repasou esta mañá toda a actualidade celeste nun almorzo informativo cos medios de comunicación. O museo do club en Balaídos acolleu a comparecencia do mandatario céltico, quen tratou todos os temas vinculados ao Celta, desde a parcela deportiva da canteira e o primeiro equipo ata as novidades en canto á reforma de Balaídos, a nova sede social e a cidade deportiva, tres proxectos que o presidente cualificou como “a culminación da nosa idea de club”.
En materia económica, Carlos Mouriño revelou uns datos que permiten pensar nun ilusionante futuro para o Celta. O presidente destacou que a a débeda do club rebaxaraise aos 4 millóns aproximadamente ó final da tempada 14-15 e que o pasado exercicio pechouse cun beneficio de case 5 millóns: “Un éxito do equipo financeiro”, asegurou.
A reforma de Balaídos, para a que o Celta comprometeu unha cantidade importante, cambiará por completo o estadio e a súa contorna: “É un proxecto de cidadanía. Estamos totalmente convencidos de que sairá adiante”. Carlos Mouriño detallou que o club se encargará de Tribuna-Preferencia, que pasará a ser unha única bancada, e o Concello reformará a bancada de Río, “unhas obras que se farán ao mesmo tempo”. En canto aos fondos de Balaídos, o proxecto contempla que “quedarán a catro metros do terreo de xogo”.
A nova sede social é o segundo proxecto co que o presidente considera que o club se convertería “nunha gran institución deportiva, moderna e con moito futuro”. “O Celta necesita ter activos e para iso destinar o diñeiro do aluguer da actual sede á compra dunha propiedade”, explicou Carlos Mouriño sobre un tema do que “proximamente haberá novidades”. Ilusionantes proxectos que se redondearían coa construción dunha cidade deportiva.
O dirixente celeste tamén remarcou na súa comparecencia a importancia da Fundación Celta: “Sostén o noso fútbol base e queremos aumentar o seu número de socios”, explicou. Ademais congratulouse do éxito e crecemento que experimentou a Fundación nos últimos tempos, por exemplo nos campus: “Batemos a marca de participantes con 1.600 nenas e nenos”. O labor da Fundación Celta está directamente ligada ao proxecto de canteira, que “continúa sendo unha prioridade”.
Carlos Mouriño pechou o seu repaso á actualidade do Celta valorando a situación deportiva do primeiro equipo e o filial. O presidente marcou “a loita polos postos de playoff” como o obxectivo do Celta B, sobre o que “cambiou un pouco nosa mentalidade, pero non a súa esencia. Mantemos a nosa aposta polos mozos, pero trouxemos a xogadores con máis experiencia que complementan e poden axudarlles”.
Finalmente, Carlos Mouriño subliñou algúns datos importantes sobre o primeiro equipo, como que o Celta “é o segundo equipo máis novo de Primeira” e “o cuarto en número de canteiráns, aínda que porcentualmente sería o segundo”. Ademais revelou que o club “rexeitou 38 millóns de euros en ofertas por xogadores grazas a estar saneados economicamente” e que “por ilusión poderíamos plantexar un gran obxectivo, pero buscamos o asentamento en Primeira. Cremos que o salto deportivo farémolo dentro de dous anos, cando xa non quede débeda”, concluíu.