Os celestes adxudicáronse o Trofeo Zona Franca con gran autoridade e unha chuvia de goles (1-7)
O Real Club Celta adxudicouse esta tarde en Barreiro o Trofeo Zona Franca, que nesa ocasión serviu para conmemorar o centenario do Rápido de Bouzas, ao vencer aos boucenses por 1-7. Os tantos dos celestes foron anotados por Cabral, Yelko, Charles e Larrivey, quen fixo un hat-trick.
O Celta, lóxico, capitalizou a posesión de balón desde o primeiro instante ante un rival voluntarioso e ordenado que nos primeiros minutos logrou desbaratar o aluvión de chegadas dos célticos. Krohn-Dehli, Nolito e Yelko probaron sen fortuna nos 15 primeiros minutos de xogo. O mozo canteirán rematou de chilena aos 16 minutos tras un bo pase de Nolito e Ferre atrapou ben o coiro.
Os de Berizzo trataban sempre de saír con velocidade, con rápidas combinacións e moita mobilidade arriba. Desa maneira xeraban un bo número de chegadas que non acababan de aproveitar polo bo facer da zaga do Rápido.
Aos 23 minutos, Krohn-Dehli lanzou un córner desde a esquerda que Cabral cabeceou con solvencia á rede. Yelko, un minuto despois, rematou á rede desde a interior da área unha boa deixada de Charles. O Celta xa plasmaba o seu dominio no marcador. Charles ampliou a vantaxe pouco despois tras unha boa acción individual. Foise de varios rivais na frontal, por forza e calidade, e rematou con calma ante Ferre.
Tras o descanso, cos onces totalmente renovados, o ritmo do partido decaeu un tanto. Non houbo apenas aproximacións nos primeiros minutos, con máis xogo no centro do campo e escaseza de espazos. Larrivey tívoa aos 9 minutos tras un bo pase de Santi Mina, pero lanzou desviado. O ariete puido marcar un par de minutos despois cun gran remate co exterior que saíu moi preto do pau.
Á terceira foi a vencida. Larrivey, aos 17 minutos, a baixo co peito e superou cun certeiro disparo á meta boucense. Dous minutos despois, bo pase interior de Madinda cara a Santi Mina, quen enviou ao ariete arxentino para que anotase o seu segundo tanto.
Berizzo aproveitou ao máximo o partido para realizar distintas variantes e probas, labor principal deste tipo de encontros.
O Rápido de Bouzas fixo o seu tanto aos 24 minutos cun certeiro remate de Sergio Santos desde a frontal tras un rexeite. O Celta fixo o sexto aos 29 minutos tras unha boa xogada de Fernán e Samu, quen centrou para que Larrivey anotase o seu terceiro tanto. O último, precioso, anotouno Madidna cun espectacular disparo desde a frontal á escuadra.
Bo ensaio para os célticos nun partido especial pola celebración do centenario doutro gran club da cidade, o Rápido de Bouzas.
FICHA TÉCNICA
1-Rápido de Bouzas: Ferre, Pablo Fernández, David Castro, Yago Yao, Cotilla, Gabi Misa, Iago Paz, Antón Vilas, Oki, Jacobo e Tomás. Tamén xogaron Diego Diz, Portas, Alejandro, Chema, Sergio Santos, Maikel, Sergio Sancho, Carlos, Kiko Mintegui e Miki
7-R.C.Celta: Sergio, Jonny, Cabral (Soto, min.38), Fontás, Planas, Borja Fernández, Krohn-Dehli, Yelko, Orellana, Nolito e Charles. Na segunda metade xogaron Rubén, Hugo Mallo, Costas, Sergi Gómez, Samu, Goldar, Madinda, Jordan, Fernán, Santi Mina e Larrivey
Goles: 0-1, min.23: Cabral; 0-2, min.24: Yelko; 0-3, min.29: Charles: 0-4, min.62: Larrivey; 0-5, min.64: Larrivey; 1-5, min.69: Sergio Santos; 1-6, min.74: Larrivey; 1-7, min.85: Madinda
Árbitro: David Iglesias
Campo: Barreiro, uns 1.200 espectadores