Unha vermella a Charles desequilibrou un partido no que os celestes estaban mellor que o rival (3-0)
Unha expulsión terriblemente inxusta, de Charles no arranque da segunda metade, desequilibrou o partido en Zorrilla. O Celta, que acabou dominando e con ocasións a primeira parte, acusou a inferioridade e encaixou dúas tantos seguidos que aniquilaron o choque. Os célticos seguírono tentando, pero o Valladolid aínda logrou ampliar a súa vantaxe nunha xogada asilada.
Comezo frío, de sensacións e temperatura, dun partido tenso, con precaucións e unha longa fase de adaptación a un campo esvaradío e con bote veloz do coiro.
O primeiro remate a porta, elevado, chegou ao nove minutos e foi de Hugo Mallo desde a frontal. O partido tiña unha gran disputa e moita presión no centro do campo, onde as circulacións eran complicadas.
O Celta dominaba lixeiramente, pero sen xerar ocasións ante un equipo ben plantado atrás que gozou das súas primeiras aproximacións en xogadas a balón parado sen consecuencias. Aínda que no seu terceiro lanzamento de córner, aos 17 minutos, Oubiña sacou o balón case baixo os paus.
A resposta celeste, un minuto despois, foi unha boa combinación con remate lixeiramente desviado de Augusto. O colexiado anulou un tanto ao Valladolid pouco despois por unha clara falta a Charles nun novo saque de esquina.
O Celta volveu achegarse con perigo cunha boa xogada de Augusto, cuxo remate coa zurda saíu á dereita de Diego Mariño. O porteiro luciuse despois a un remate de Nolito tras unha excelente xogada de Charles. O Celta, ao bordo da media hora de xogo, dominaba o choque con autoridade.
Mariño, cunha enorme parada, salvou o gol tras un gran pase de Rafinha e un cabezazo precioso de Charles. Os célticos sacudíronse a presión do cadro local e acumulaban chegadas con facilidade e con moitas doses de calidade. A pesar desta superioridade, a primeira metade finalizou sen novidades.
Tras a continuación, a néboa ameazaba e o frio aumentaba. O partido volveu nacer trabado, con perdas e imprecisións sobre o xeado céspede vallisoletano. E o partido rompeu de novo cunha xogada terrible. O Celta quedou con dez ao dez minutos ouro unha bobada. Mariño lanzou contra Charles o coiro e o colexiado mostroulle a segunda amarela, incrible. O dianteiro celeste non fixo absolutamente nada…
E o Celta pagou o desconcerto pouco despois, Javi Guerra bateu a Yoel desde a frontal aos 14 minutos. Inxusto castigo, como a expulsión. Os vigueses trataron de reaccionar con orgullo e fóronse arriba con todo.
Pero encaixou o segundo nunha xogada illada. Centro desde a esquerda e cabezazo á rede de novo de Javi Guerra. Demasiado complicado para os celestes, que o seguiron tentando, chegando, rematando, pero sen fortuna.
Aínda por riba de males, no minuto 86 o Valladolid, de novo Javi Guerra, acertou nunha xogada illada, posto que os locais facía moitos minutos que non se achegaban á área celeste.
Un grave erro, a expulsión de Charles, desnivelou un partido igualado, con mellores ocasións e máis dominio celeste até a desgraciada vermella ao dianteiro. Ao final, máis cartóns e castigo para o Cellta, que chegará minguado ao seu próximo encontro. Moi prexudicado o conxunto vigués.
FICHA TÉCNICA
3-R. Valladolid: Mariño, Rukavina, Rueda, Valiente, Peña, Rubio, Rossi, Ebert, Larsson (Bergdich, min.77), Omar (Óscar, min.58) e Guerra (Manucho, min.88)
0-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, Cabral Fontás (Costas, min.85) , Aurtenetxe, Oubiña, Álex López (Santi Mina, min.60), Augusto, Rafinha, Nolito (Orellana, min.60) e Charles
Goles: 1-0, min.59: Javi Guerra; 2-0, min.66: Javi Guerra
Árbitro: José Antonio Teixeira Vitienes. Do comité cántabro. Expulsou a Charles con dobre amarela (min.55). Amonestou a Omar, Javi Guerra, Manucho, Álex López, Fontás, Hugo Mallo
Campo: José Zorrilla (8.000 espectadores)