Os celestes derrotaron por un gol a dous ao conxunto anfitrión con tantos de Santi Mina e Aitor García
O cadro vigués, que arrincou o encontro con catro xogadores das categorías inferiores no once, adiantouse no marcador pasado o primeiro cuarto de hora de xogo. O mozo goleador Santi Mina foi o autor do primeiro tanto do choque aos 17 minutos: Antón incorporouse pola banda dereita e centrou con precisión ao segundo pau para a chegada do ariete internacional, que rematou coa zurda para levar o coiro á rede.
Os celestes dominaron con claridade esta primeira metade, co Ourense defendendo con orde e empeño e buscando, sen éxito, os contragolpes.
Tras o descanso, o Celta, cun once totalmente renovado, mantivo o control do xogo e rendibilizou pronto o seu dominio. Aos 18 minutos, contragolpe dirixido por De Lucas con bo pase en profundidade do catalán cara a Aitor, o mozo atacante onubense, chegado no mercado invernal ao filial céltico, quen recortou e rematou coa esquerda para ampliar a vantaxe celeste.
O Ourense tratou de reaccionar, deu un paso á fronte e logrou o seu obxectivo aos 26 minutos cun gol de Rubén Arce, quen había substituído minutos antes a Adil. O cadro local buscou despois con decisión o tanto do empate ante un Celta que controlaba o xogo e saía con perigo tras cada roubo de balón.
Non houbo máis novidades até o final e o Celta adxudicouse o Trofeo Ourense Termal con goles de dous novos futbolistas: Santi Mina, de 17 anos, e Aitor García, de 18.
FICHA TÉCNICA
1-C.D. Ourense: Manu Táboas, Josu, Campillo, Portela, Capi, Adrián Padrón, Sanginés, Adil, Quintairos, Pablo Pillado e Luismi. Tamén xogaron Claudio, Rubén Arce, Yebra e Álex.
2-R.C.Celta: Sergio, Antón, Cabral, David Costas, Roberto Lago, Álex López, Natxo Insa, Añón, Santi Mina, Toni e Iago Aspas. Na segunda metade entraron Rubén Blanco, Jonny, Jonathan Vila, Mario Bermejo, Pranjic, Bellvís, De Lucas, Aitor García, Jordan e Fernán
Goles: 0-1, min.17: Santi Mina; 0-2, min.63: Aitor García; 1-2, min.71: Rubén Arce
Árbitro: Cid Puga.
Campo: O Couto