Un erro na saída do balón na primeira metade propiciou o único tanto do partido en Cornellá
Un gol de Sergio García na primeira metade tombou ao Celta en Cornellá, que pagou moi caro un erro na saída de balón. Os celestes tentárono despois con empeño, pero sen apenas crear ocasións claras e non lograron inquietar en exceso a Casa. Nova derrota pola mínima.
O Celta chegou con perigo aos dous minutos de xogo cunha acción individual de Iago Aspas, cuxo remate saíu desviado. Os celestes arrincaron con orde e ambición o encontro ante un rival que tamén buscaba con empeño a área de Javi Varas.
Ao nove minutos, boa xogada de Roberto Lago, cuxo centro atrapouno, en dous intentos, Casa. O Celta combinaba bo en ataque e saía con velocidade cando roubaba. O Espanyol apenas lograba chegar con claridade a zonas de perigo, aínda que trataba de empuxar na medular.
O terceiro remate celeste, aos 11 minutos, foi de Oubiña á saída dun córner, de novo desviado. Pouco despois, centro de Jonny e cabezazo de Iago que despexou con apuros Casa. Á saída do córner, Capdevila despexou case na liña de gol.
Verdú rematou alto desde a frontal aos 20 minutos tras un erro defensivo celeste, que se repetiu pouco despois, pero foi desbaratado por Jonny. Á seguinte, o Espanyol xa non perdoou. Perda no centro do campo, contragolpe local e remate no segundo pau de Sergio García a gol. O Celta encadeara erros nesa fase do partido e acabouno pagando cun tanto.
Tras o gol, o Celta acaparou a posesión ante un rival metido atrás e buscando sen disimulo a contra. Os célticos trataban de superar a férrea barreira local, pero sen éxito. Sen apenas ocasións chegou o descanso.
Tras a continuación, Demidov cabeceou fóra un bo envío de Krohn-Dehli. Javi Varas desviou despois de maneira magnífica un cabezazo de Stuani tras o lanzamento dunha falta. Ambos os equipos dispuxeran dunha ocasión clara a balón parado no arranque da segunda metade.
Aos 8 minutos, Iago Aspas, cosido a faltas, lanzou de lonxe e o coiro rozou o pau esquerdo de Casa. O Celta dera un paso adiante e buscaba con afán o empate. O dominio celeste era abafador e o acoso foi crecendo co paso dos minutos, con numerosas oportunidades a balón parado. Aos 29 minutos, Iago cabeceou ao lateral da rede á saída dun córner, un máis.
Houbo máis chegadas, moitas xogadas a balón parado, pero o empate non acababa de chegar. E non puido ser, nova derrota pola mínima.
FICHA TÉCNICA
1-R.C.D. Espanyol: Casilla, Javi López, Forlín, Colotto, Capdevila, Víctor Sánchez, Baena, Sergio García, Verdú (Cristian Alfonso, min.76), Simao (Lonmgo, min.83) e Stuani
0-R.C. Celta: Javi Varas, Jonny, Cabral, Demidov, Roberto Lago, Borja Oubiña, Álex López, Augusto (De Lucas, min.58), Mario Bermejo Park, min.72), Krohn-Dehli (Toni, min.67) e Iago Aspas
Goles: 1-0, min.23: Sergio García
Árbitro: Pérez Lasa, do comité vasco. Amonestou a Forlín, Javi López, Baena, Víctor Sánchez, Simao, Colotto e Álex López
Campo: Cornellá. Antes do comezo do partido os xogadores do Celta luciron camisetas cunha menxase de ánimo a Hugo Mallo.