Un gol de Iago Aspas deulle o triunfo aos celestes, que se entregaron ao máximo ante un forte rival
Moito ritmo, forte presión e intensidade no arranque do partido da Romareda, co primeiro remate celeste, de Mario Bermejo, no primeiro minuto de xogo e un Zaragoza que buscaba tamén con decisión a área celeste.
Había chegadas en ambas as áreas, aínda que no primeiro cuarto de hora sen apenas intervención dos porteiros. O encontro era, en calquera caso, dunha gran esixencia, cun forte despregamento físico de ambos os equipos, sen descanso algún. O cadro local gozaba de maior posesión, pero non a convertía en ocasións claras.
Os célticos, ben en defensa, non lograron enganchar unha contra clara e os maños tampouco puideron rendibilizar a súa maior posesión do coiro. Con moita disputa, pero sen apenas oportunidades, cunha gran igualdade, o encontro alcanzou o descanso.
Tras a continuación, Javi Varas desviou de maneira maxistral un lanzamento de Víctor Rodríguez. Foi a súa primeira intervención no partido, e foi decisiva, no primeiro minuto da segunda metade. Augusto rematou alto pouco despois un balón solto na área zaragocista nunha boa ocasión para os celestes.
O partido estaba máis aberto, con máis espazos e moito máis perigo nas chegadas. O Zaragoza aos poucos, cunha presión moi arriba e unha enorme intensidade, foi apropiándose do coiro e metendo ao Celta no seu campo.
Bermejo rematou ás mans do porteiro aos 24 minutos tras unha boa combinación do Celta, que nesa fase si se asomaba con criterio ao campo rival, aínda que lle faltaba un punto de precisión no pase final. Roberto fixo a parada do día pouco despois tras un remate de Iago Aspas na mellor ocasión do encontro.
Álex López cabeceou fóra aos 36 minutos tras unha xogada espectacular de Krohn-Dehkli, quen realizou un partido enorme. Do danés saíu a xogada, aos 37 minutos, que lle deu ao Celta o primeiro tanto. Envío con mestría a Roberto lago, quen centrou con precisión cara a Iago Aspas para que o moañés rematase de maneira extraordinaria á rede.
Javi Varas desviou de maneira prodixiosa un remate de Aranda pouco despois. O meta celeste foi decisivo.
Primeira vitoria como visitante dun Celta extremadamente serio, que recobrou a súa firmeza defensiva e soubo aproveitar o seu momento.
FICHA TÉCNICA
0-R.Zaragoza: Roberto, Sapunaru, Álvaro, Loovens, Abraham, Movilla, Apoño, Edu Oriol (Aranda, min.61), Víctor Rodríguezl, Montañés (Javi Álamo, min.88) e Hélder Postiga
1-R.C.Celta: Javi Varas, Hugo Mallo, Cabral, Túñez, Roberto Lago, Oubiña, Álex López (Ju Young Park, min.83), Augusto, Mario Bermejo, Krohn-Dehli e Iago Aspas (Bustos, min.90+)
Goles: 0-1, min.82: Iago Aspas
Árbitro: Delgado Ferreiro, do comité vasco. Amonestou a Sapunaru, Álvaro, Apoño e Cabral
Campo: La Romareda