A afección celeste convertiu o derbi nunha gran festa do fútbol galego
O Real Club Celta quere agradecer o comportamento exemplar da afección celeste durante a xornada do derbi galego, tanto nos prolegómenos do encontro coma durante o partido, cun sobresaínte apoio ao equipo durante os noventa minutos e o respaldo unánime á iniciativa de cantar o himno á saída dos xogadores, unha medida que terá continuidade nos seguintes choques en Balaídos.
A afección celeste converteu o derbi nunha gran festa do fútbol galego, cun comportamento exemplar, ausencia de incidentes e apoio ao equipo sen desmaio durante o partido. O celtismo deu unha verdadeira lección de civismo e compromiso co seu equipo, ao que alentou de maneira incansable nun partido no que o Celta xogou case toda a segunda metade con dez xogadores. Esta desvantaxe foi paliada polo apoio da bancada, totalmente entregada co conxunto celeste.
Ademais, a afección apoiou de maneira unánime e con gran entusiasmo á iniciativa do club de que os xogadores fosen recibidos no céspede co himno cantado ‘a cappella’. Esta iniciativa, iniciada cun gran éxito, terá continuidade durante a presente tempada.