Sete anos despois, o RC Celta celebra un meritorio pase aos cuartos de final da Copa del Rey. Cunha gran actuación de Luca de La Torre e o imparable goleador copeiro Tasos Douvikas, os celestes venceron 3-1 ao Valencia CF en Mestalla, consolidando así o seu invicto 2024.
Con sede de vitoria e o anhelo de prolongar o exitoso refacho de principio de ano, o RC Celta cegou en Mestalla ao derrotar ao Valencia CF por 3-1. Desde o asubío inicial, os celestes demostraron a súa superioridade, e nos primeiros 20 minutos, Luca de La Torre abriu o marcador cun taconazo excepcional. O 1-0, froito dunha asistencia de Kevin, marcou o inicio dunha noite magnífica para o conxunto celeste. O pichichi da competición copeira, Tasos Douvikas, non quedou atrás e, con mestría, converteu un penalti sobre Miguel Rodríguez no 0-2. A pesar dun pequeno tropezón con pena máxima en contra, que serviu a Pepelu para reducir a distancia (1-2), o Celta mantivo a calma e pechou a primeira metade cunha merecida vantaxe.
Nos seguintes 45 minutos o Valencia apertou, pero o Celta non baixou os brazos. Aínda que con menos posesión, os vigueses continuaron loitando e, no minuto 80, Tasos Douvikas volveu brillar cun espectacular cabezazo á escuadra que subiu ao luminoso o 3-1, supuxo o seu sexto gol na competición copeira deste curso e deu o pase á seguinte rolda ao conxunto celeste.
Con este triunfo, o RC Celta clasifícase para os cuartos de final da Copa del Rey, un logro que non conseguían desde a tempada 2016/2017. A afección celeste celebra con xúbilo este fito á espera do sorteo do venres 19 de xaneiro na Cidade Deportiva de Las Rozas, que dará a coñecer o próximo rival. Mentres tanto, en LaLiga, enfrontaranse á Real Sociedad o sábado 20 de xaneiro en Abanca Balaídos, coa confianza renovada e o espírito gañador intacto.