O Celta B colleitou un importante punto no complicado campo do Racing Club de Santander, invicto no seu estadio durante toda a tempada. Fíxoo ademais no día no que os locais celebraron o seu ansiado regreso á Segunda División.
Os cántabros adiantáronse con dous tantos case seguidos á media hora de xogo e impúñanse con autoridade ante un filial celeste que non se amedrentou, nin moito menos, ante o campión do seu subgrupo.
Os de Onésimo recortaron diferenzas antes do descanso cun bo tanto de Miguel Rodríguez, a súa décima diana no actual campionato. Tras a continuación, o conxunto vigués seguiu empuxando en busca do gol do empate e conseguiuno. No minuto 52, Iker Losada converteu unha pena máxima que suporía o 2-2 definitivo.
Un bo punto para manterse nos postos de promoción. O RC Celta felicita ao Real Racing Club polo seu ascenso á Segunda División.
FICHA TÉCNICA
2 – RACING: Parera; Unai Medina, Bobadilla, Pol Moreno, Javi Vázquez (Isma López, 87′); Tienza, Íñigo; Soko (Camus, 60′), Pablo Torre (Borja Domínguez, 75′), Arturo (Mantilla, 75′); y Cedric (Manu Justo, 87′).
2 – CELTA B: Ruly; Carrique (Beitia, 80′), Martín, Javi Castro, Pampín; Carbonell, Holsgrove; Alfon (Cedric, 88′), Losada (Javi Gómez, 65′), Fabricio (Lautaro, 65′); e Miguel (Medrano, 80′).
Árbitro: Escriche Guzmán, do comité valenciano. Amonestou a Ruly (31′), Arturo (35′), Tienza (79′), Borja Domínguez (+90′).
Goles: Medina (1-0, min.31); Cedric (2-0, min.35), Miguel (2-1, min.44), Iker Losada (2-2, de penalti, min.52).
Campo: El Sardinero.